Tamén hai que suliñar o labor que este Centro levou adiante na alfabetización de moitas das persoas que na Galiza non tiveran oportunidade de iren á escola. Non só  eran analfabetos no seu idioma, o galego, tamén o eran no castelán.

Dende a guerra (1936-1939) ata mediados os anos cincuenta, como reflexo da realidade que se vivía daquela no Estado Español,  este Centro seguiú a existir, pero baixo mínimos, con grandes atrancos de todo tipo: económicos, baixo número de asociados, dificultades legais... Pero o  medre económico  de mediados dos cincuenta conleva, máis unha vez, a chegada de galegos e galegas a esta zona industrial. É así como este Centro volta a ter unha razón de ser, xogando un papel semellante ao dos primeiros anos da súa existencia.

Debemos destacar nesta nova época a construcción de trescentas sesenta e cinco vivendas, en réxime de cooperativa, impulsada por este Centro. Fíxoselle deste xeito fronte a un dos problemas máis graves de entonces: a falta de vivenda para acoller á enorme cantidade de persoas que chegaban día a día na percura de traballo. As vivendas principiaron a se habitaren no ano 1962. Dende entón o Centro ocupa a sede actual e convertiuse nun lugar de xuntanza para os galegos e para os que non o son.

No ano son moitas as actividades que se fan, abertas aos socios e aos que non o son, velaquí algunhas: festa dos Reis Magos, antroidos, Semana Cultural das Letras -na que se convoca o Concurso de Contos Breogán, en galego, que é un dos máis antigos dos que se convocan no noso idioma- , festas do Santiago/Día da Patria Galega, os magostos...

Pagina siguiente